Sunday 28 de April de 2024

Os alevíns das EDM de Brión conseguen o terceiro posto no Campionato Provincial da Liga de Fútbol Sala Escolar


O equipo alevín das escolas deportivas municipais do Concello de Brión conseguiu un meritorio terceiro posto no Campionato Provincial da Liga de Fútbol Sala Escolar, celebrado este sábado no pavillón municipal de Betanzos. O equipo dirixido por José Manuel Trigo Romero, Técnico de Deportes do Concello de Brión, non puideron sobrepoñerse ás ausencias de varios dos seus xogadores, polo que tiveron que afrontar o campionato con só seis xogadores.

Precisamente esa ausencia de cambios foi a que motivou a única derrota dos alevíns brioneses en todo o torneo fronte ao conxunto local, o Troula Betanzos FS, quen finalmente se proclamaría campión provincial tras derrotar por 2-1 ao Concello de Curtis. Os xogadores das EDM de Brión mantiveron equilibrado o encontro durante o principio do mesmo pero remataron caendo por un claro 6-1. Na final de consolación derrotaron por 7-3 ao Concello de Ponteceso.

Remata así unha temporada exitosa para os alevíns das EDM do Concello de Brión, que venceron na Liga Regular do Tambre e despois nas fases finais comarcais e intercomarcais, nas que venceron con autoridade en todos os partidos.